Introdución

As árbores están ao noso arredor e teñen, como calquera outra especie animal ou vexetal, unha función totalmente definida no ecosistema en que se desenvolven. Polo tanto, é importante coñecelas e respectalas, para así, tamén, asegurar a súa protección e conservación para xeracións futuras para a propia saúde do planeta.

Esta guía é un manual de iniciación para todas as persoas que queiran introducirse na observación das árbores, xa que logo non pretende ser exhaustiva, só dar unhas pequenas orientacións para saber como son as árbores, o seu importante papel nos ecosistemas e, ao tempo, como observalas respectando a natureza. Complétase coa descrición das 50 especies máis comúns do extremo SW da rexión eurosiberiana, a sabendas de que tal selección deixa fóra moitas especies de grande importancia nalgunhas partes do territorio seleccionado, que, aínda mostrando unha indubidable unidade bioxeográfica, contén en si mesmo ambientes moi distintos: altas montañas e extensas planicies, terras de interior e de costa, territorios moi modificados polo ser humano con outros que conservan aínda as súas características naturais intactas, áreas con moitos días de sol e outras de días con bastante chuvia.

Unha árbore é unha planta perenne de tamaño grande, que vive moitos anos, nalgún caso máis de mil, de tronco leñoso e ben formado, que se levanta do chan e se divide en ramas a determinada altura, alcanzando, polo xeral, un tamaño de máis de cinco metros.

Convén non confundir as árbores cos arbustos , que tamén son plantas leñosas e perennes, pero non teñen un tronco principal ben definido e ramifican da mesma raíz, a nivel do chan. Ademais, a súa altura é inferior a 5 metros.

 

arbores e arbustos

 



As árbores son moi importantes, pois proporciónannos madeira e outras materias moi necesarias para a nosa supervivencia como especie, ademais de dar á paisaxe un aspecto especial, mellorando a contorna, contribuíndo, en definitiva, ao noso propio benestar.